A comunidade educativa galega demóstrase unida e combativa nunha xornada de mobilización simultánea en 25 puntos de toda Galicia.

Desde Ponteareas ata Ribadeo, desde Verín ata Cee. Milleiros de persoas percorreron esta tarde as rúas de máis de 25 cidades e vilas galegas. “O día de hoxe marca un antes e un despois na loita do ensino público galego”. Unha xornada de mobilizacións simultánea en vinte e cinco puntos de todo o territorio galego. Con lemas como “A diversidade é unha prioridade” e “A inclusión real necesita persoal” soando con forza nas rúas mostraron a súa preocupación polo deterioro do ensino público na nosa comunidade.
Non é a primeira vez que a comunidade educativa sae á rúa. O 25 e o 28 de febreiro xa se viviran mobilizacións multitudinarias no sur da provincia de Pontevedra, A Coruña e Santiago. Hoxe, o movemento deu un paso máis: maior presencia, maior territorio, maior unión. A continuidade das mobilizacións fala da firmeza das reivindicacións e da falta de resposta real por parte da Consellería.
A convocatoria, impulsada por Asembleas Abertas do Ensino Público, federacións de ANPAS (A Gameliña, FANPO, FOANPAS, ANPAS da provincia de A Coruña…), CIG, CNT, CUT, Solidariedade Obreira, STEG, Erguer, Fervenza, Sindicato de Estudantes e outros colectivos como AGOEP, NEG e ADICOPUVI, confirmou que a unidade da comunidade educativa é real, sólida e decidida.

Situación insostible nos centros
As persoas que encheron as rúas representan familias, profesorado, estudantado, persoal non docente e colectivos que comparten a mesma preocupación: o deterioro sostido do ensino público galego. As reivindicacións non son novas nin illadas. Son o reflexo do que viven cada día as aulas: deficiencias graves nas instalacións, falta de persoal e recursos, recortes que afectan directamente á atención á diversidade e á inclusión real do alumnado, ratios abusivas e unha sobrecarga crecente que recae tanto no profesorado como nas familias.
“Se o sistema lle falla ao máis vulnerable, fállanos a todos”, lembran as convocantes. Piden máis profesionais e atención especializada, ratios baixas e tempos para educar, infraestruturas dignas e seguras e dereitos laborais. Non se trata de demandas puntuais: é unha problemática de fondo que require compromiso político e medidas concretas e inmediatas.

Unidade como forza
O que distingue este movemento é a súa transversalidade, pero tamén a súa capacidade de medrar. O que comezou en febreiro estendeuse hoxe a máis de vinte puntos de todo o territorio galego. Cada convocatoria suma novos colectivos, novas voces e novos territorios. A unidade non é un punto de partida: é un proceso vivo que non deixa de crecer.
Toda a comunidade educativa camiña xunta, porque entenden que a escola pública é un asunto de toda a sociedade. “Foi ilusionante traballar man a man con alumnado e familias”, afirmaron persoas participantes.
“Non aceptamos que se normalicen as carencias nin que se invisibilicen as dificultades que afectan ao día a día do ensino público”, subliñaron as entidades convocantes. “A educación é un dereito fundamental e un piar básico da nosa sociedade. Soamente xuntas poderemos acadar o futuro que desexamos para o ensino e para a nosa sociedade.”
Esta mobilización non é un punto de chegada. É unha mostra de que o traballo transversal e unitario é posible e necesario para poder acadar un cambio real nas políticas educativas. A comunidade educativa galega ten claro que non baixará a garda mentres a Consellería non de respostas concretas e efectivas.

Os anuncios da Xunta non nos deteñen: as promesas sen persoal non son solucións
Nos últimos días, a Xunta de Galicia anunciou melloras para a etapa de Secundaria. A comunidade educativa, porén, recibe estes anuncios con escepticismo xustificado. O precedente é claro: cando se fixeron promesas similares para Primaria, a súa implantación foi deficiente porque non viñeron acompañadas do persoal necesario. O resultado foi que, en lugar de mellorar, os centros de Primaria atopáronse con problemas engadidos: máis demandas sobre o mesmo persoal, sen recursos humanos para facerlles fronte.
Unha mellora educativa real non pode reducirse a un anuncio. Require planificación, dotación de persoal suficiente e un compromiso de seguimento efectivo.
As medidas que afectan aos centros deben ser resultado dun diálogo xenuíno coa representación maioritaria da comunidade educativa, que é quen coñece de primeira man as necesidades reais das aulas. A Consellería ten sobre a mesa as reclamacións que familias, profesorado e estudantado levan meses trasladándolle:
- Dotación de persoal suficiente
- Ratios dignas
- Infraestruturas seguras
- Atención real á diversidade
- Recuperación de dereitos
- Dignificación da profesión docente.
Calquera paquete de melloras que non aborde estes problemas estruturais, e que non conte coa participación de quen vive o ensino cada día, non é unha solución: é un parche.










