Documento completo
📄 Descargar comunicado en PDFA Asociación Galega de Orientadoras do Ensino Público (AGOEP) quere poñer de manifesto a súa opinión sobre o anuncio feito aos medios de comunicación por parte do conselleiro de educación, Román Rodríguez.
Ferramentas dixitais
No documento publicado fálase da creación dunha ferramenta dixital chamada GaliOrienta. Para evitar que acabe no mesmo caixón que OpiOrienta, o asistente virtual presentado por todo o alto hai dous anos xunto co plan FPGal360 e do que xa ninguén se acorda, exiximos a presenza de orientadoras no equipo que desenvolva dita aplicación. Doutro xeito, tratarase dun parche máis ao non axustarse ás necesidades reais que nos atopamos no día a día do noso traballo.
Cambios normativos
Na mesma nota de prensa anúnciase un cambio normativo para adaptarse a algo denominado ensino á carta. Desde AGOEP queremos salientar que a orde que regula as funcións dos departamentos de orientación e dos seus membros data do ano 1998, hai case trinta anos. Para contextualizar, destacamos que en 1998 só o 16% da poboación española contaba cun teléfono móbil (1) e que o 4,5% do alumnado de ensino medio consumira fármacos hipnosedantes fronte ao 17,9% actual (2). Solicitamos, polo tanto, que calquera cambio normativo comece por actualizar a normativa que regula o noso traballo, promulgada nun sistema educativo que nunca oíra falar do TDAH, no que o risco suicida era cousa dos psiquiátricos e o acoso escolar, bromas que un/ha alumno/a que non se sabía adaptar non entendía.
Escolarización á carta
A orde do 8 de setembro de 2021 regula o procedemento para escolarizar alumnado en modalidades distintas da ordinaria (centros ou unidades de educación especial e modalidade combinada). O proceso baséase nun informe técnico chamado ditame de escolarización, no que se recolle tamén a opinión da familia, que avalía as distintas opcións xunto coa xefatura do departamento de orientación e, se é preciso, con outros servizos como os sanitarios ou sociais. Posteriormente, é revisado e validado pola Inspección Educativa e polo Departamento Territorial de Educación. Trátase, polo tanto, dun procedemento garantista no que as familias participan activamente. Por iso, preocupa que a Consellería anuncie que estas modalidades poidan decidirse “á carta”, xa que isto podería converter unha decisión técnica nunha decisión condicionada por criterios emocionais.
Baile de cifras
O apartado que o documento da Consellería dedica ao número de profesionais que van traballar nos nosos centros educativos é particularmente confuso. Mestúranse conceptos para aumentar o impacto mediático da cifra de 400 profesionais pero, observando os datos en detalle, non se crean 150 novas prazas de Pedagoxía Terapéutica en Primaria senón que se consolidan docentes que xa estaban traballando e que eran insuficientes. Dende AGOEP queremos reivindicar, ademais, que a atención á diversidade non pode recaer unicamente no persoal especialista. É urxente que o profesorado de todas as materias conte con ratios razoables que permitan ofrecer unha atención verdadeiramente individualizada ao alumnado. Así mesmo, consideramos necesario establecer criterios comúns, claros e transparentes para a asignación de novo persoal especialista aos centros.
Cincuenta orientadoras e orientadores máis
O 21 de maio de 2025, AGOEP rexistrou no Portal de Transparencia unha solicitude de información sobre o número de orientadoras e orientadores nos centros educativos galegos e as ratios de alumnado que atenden. Un ano despois, a solicitude segue sen resposta.
A propia Administración recoñece no seu documento que o catálogo da rede de orientación está obsoleto, mais a única medida anunciada é a creación de 50 postos para aqueles centros que, polas súas características e necesidades, o requiran. Desde AGOEP consideramos que a maioría dos centros galegos se atopan nesa situación. De feito, a práctica totalidade das máis de cen socias da asociación superan a ratio máxima recomendada pola UNESCO para garantir un servizo de calidade. Por iso, anunciar 50 profesionais para case 1.000 centros educativos galegos resulta claramente insuficiente e mesmo ofensivo.
A nosa asociación seguirá reclamando a negociación dun calendario progresivo que permita alcanzar o máximo de 250 alumnas e alumnos por orientadora nun prazo razoable. Tamén esiximos a incorporación de orientadoras e orientadores nos centros de ensinanzas de réxime especial como os Conservatorios o as EASD. A inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais ou dificultades de saúde mental, así como a atención aos novos problemas de convivencia, resulta difícil nestes centros sen apoio e asesoramento psicopedagóxico especializado.
Formación das orientadoras/es en Educación Infantil e Primaria
Galicia permite actualmente exercer a xefatura dun departamento de orientación en Centros de Educación Infantil e Primaria sen contar cunha titulación específica en Psicoloxía, Pedagoxía ou Psicopedagoxía, xa que a normativa considera estas titulacións unicamente como criterio preferente e non como requisito obrigatorio. Entre os datos que AGOEP solicitou sen éxito a través do Portal de Transparencia figuraba precisamente o número de persoas que desempeñan actualmente esta función sen cualificación. Mesmo no caso de que fose unha única persoa, trataríase dun feito moi grave.
O documento presentado polo conselleiro resulta tamén ambiguo nesta cuestión, ao limitarse a afirmar que se incidirá na formación destes profesionais. Descoñecemos o alcance real desa medida, pero para AGOEP calquera solución que non pase pola exixencia dunha titulación específica que garanta a capacitación técnica necesaria para exercer a orientación educativa resultará insuficiente e contará co noso rexeitamento frontal.
Xunta Directiva
AGOEP
Fontes e documentación
Documentación e materiais empregados para a elaboración desta publicación.
- Informe anual 1998 da Comisión Nacional del Mercado de las Telecomunicaciones Ver documento PDF
- Enquisa ESTUDES sobre consumo de drogas 1998 e 2025, Ministerio de Sanidade Consultar enquisa ESTUDES