Equipas directivas de centros públicos galegos impulsan este comunicado ante a aplicación das novas instrucións de xornada sen unha dotación suficiente de recursos humanos e organizativos.
As direccións dos centros educativos abaixo asinantes, en relación coa proposta de instrucións sobre a xornada semanal do persoal docente para o curso académico 2026/27, manifestamos o seguinte:
En primeiro lugar, consideramos que a recuperación das 18 horas lectivas semanais para o profesorado supón a restitución dunha condición de xornada modificada con carácter transitorio no ano 2010, que debe ser entendida como unha medida de xustiza laboral e de coherencia normativa.
Porén, a proposta de instrucións coñecida evidencia unha planificación afastada da realidade dos centros educativos, ao introducir cambios estruturais sen acompañalos dos recursos humanos necesarios, trasladando ás direccións e aos claustros a responsabilidade de facer viábeis decisións que non o son nas condicións actuais.
A redución da xornada lectiva só é viábel mediante un incremento real do cupo de profesorado.
En caso contrario, produciranse graves dificultades organizativas que afectarán ao funcionamento ordinario dos centros.
A experiencia recente nos centros de educación infantil e primaria, tras a Resolución do 10 de xaneiro de 2024, amosa que a redución de horario sen incremento de profesorado provoca un empeoramento da organización, perda de estabilidade nos equipos docentes e unha afectación directa á atención educativa do alumnado.
A extensión deste modelo ao resto das etapas educativas agravaría estas dificultades. Sen incremento de profesorado, verémonos obrigadas a reducir —cando non eliminar— desdobres, optativas, apoios educativos, así como tempos de coordinacións e xefaturas de departamento, elementos fundamentais para a calidade do ensino.
Así mesmo, esta situación compromete de forma significativa a atención á diversidade do alumnado e a participación efectiva nos proxectos promovidos pola Consellería, que requiren dotación suficiente de tempo e recursos.
Do mesmo xeito, a medida sitúa as direccións dos centros nunha posición especialmente complexa na xestión diaria. Esta situación, cada vez máis difícil, está a ter como consecuencia directa a crecente falta de proxectos de dirección, xa que cada vez menos persoas están dispostas a asumir estas responsabilidades nas condicións actuais. Sen proxectos de dirección sólidos, viábeis e con apoio real, os centros educativos vense limitados na súa capacidade de planificación, liderado pedagóxico e impulso de iniciativas, o que repercute directamente no seu desenvolvemento e mellora.
Peticións
- Ampliación urxente dos catálogos docentes de educación infantil e primaria, incluíndo profesorado de apoio en primaria.
- Aplicación da redución a 18 horas lectivas en secundaria e 21 en primaria, acompañada dun incremento real do cupo de profesorado.
- Estabelecemento dun número fixo de horas para coordinacións e xefaturas de departamento, garantindo estabilidade organizativa.
- Inclusión destas reducións horarias nas sesións lectivas fixas, e non nas horas complementarias; así como dentro das horas lectivas en infantil e primaria.
- Supresión do apartado que permite excepcionalmente manter 20 sesións lectivas, por desvirtuar o obxectivo da redución horaria.
- Eliminación da promoción das denominadas materias afíns, que deben ter carácter excepcional e non constituír un mecanismo de redución de profesorado nos centros.
- Redución da carga lectiva dos equipos directivos, especialmente no caso da vicedirección, garantindo condicións axeitadas para o exercicio das súas funcións de xestión e coordinación.
- Garantía dunha sesión efectiva de atención ás familias no caso das titorías, sen posibilidade de substitución por outras funcións non lectivas.
- Inclusión nas horas lectivas das reunións entre titoría, orientación e xefatura de estudos, como elemento esencial para o traballo sobre convivencia e seguimento do alumnado.
- Incremento da dotación de persoal de orientación e apoio en todas as etapas do sistema educativo.
As direccións dos centros educativos coñecemos de primeira man a complexidade da xestión educativa e a sobrecarga organizativa e burocrática existente. Calquera modificación da xornada lectiva debe vir acompañada dunha planificación realista e de recursos suficientes.
Por todo o exposto, solicitamos á Consellería de Educación a apertura dun proceso de negociación real coa comunidade educativa, garantindo a aplicación das medidas cunha dotación adecuada de profesorado e sen prexuízo para o funcionamento dos centros nin para a calidade do ensino público.
Finalmente, consideramos imprescindíbel o estabelecemento dun diálogo efectivo co profesorado e coas equipas directivas, como verdadeiros coñecedores da realidade diaria dos centros. A súa participación debe ser garantida nos procesos de negociación, co obxectivo de asegurar unha planificación axustada á realidade do sistema educativo.
Centros adheridos
A continuación recóllense os centros educativos con equipas directivas adheridas ao comunicado.
Debaixo da listaxe atoparás un botón para adherirte ao comunicado.| Cargando… |
Adhesións
O comunicado continúa aberto a adhesións de equipas directivas de centros públicos galegos.
As direccións que desexen adherirse poden facelo a través do seguinte formulario:
Súmate ao comunicado
O comunicado continúa aberto a adhesións de equipas directivas de centros públicos galegos comprometidas coa defensa da calidade do ensino público e dunhas condicións organizativas e laborais dignas.