Información xuntanza 24 de marzo

Constitución de grupo de traballo mobilizacións 6 de maio e calendario asembleas abertas comarcais.

O pasado martes 24 de marzo en Compostela tivo lugar unha xuntanza con colectivos de toda a comunidade educativa galega, onde se tratou a proposta de mobilizacións de toda a comunidade educativa para o mércores 6 de maio pola tarde. Como xa se expresou na mensaxe onde se convidaba a todas as asociacións e organizacións a participar, a intención é que estas mobilizacións sexan organizadas e convocadas de xeito conxunto e unitario por todos os colectivos da comunidade educativa galega.

Participaron os seguintes colectivos: A Gameliña, AGOEP, Asembleas Abertas do Ensino Público, CUT, CIG-Ensino, Erguer, FANPO, Fed. ANPAs do Val Miñor, Fervenza, FOANPAS, Sindicato de Estudantes, Solidariedade Obreira e STEG. Outras organizacións desculparon a súa asistencia por non poder asistir, como foron ANPAs Galegas, ANPE, AS-PG, CCCO-Ensino, CSIF, Fed. ANPAs Redondela, Fed. Provincial de ANPAs da Coruña ou UGT-Ensino.

Durante a xuntanza abordáronse esencialmente os seguintes tres puntos, que posteriormente desenvolveremos:

  • Proposta inicial a desenvolver de mobilizacións deslocalizadas para o 6 de maio.
  • Proposta de calendario de asembleas abertas comarcais para toda a comunidade educativa.
  • Como desenvolver a organización, convocatoria e traballo das mobilizacións.

Proposta de mobilizacións para o 6 de maio

A proposta que se trasladou na xuntanza é unha convocatoria unitaria e transversal de toda a comunidade educativa de mobilizacións deslocalizadas para o mércores 6 de maio ás 19:00. Os detalles da mesma están pendentes de desenvolver, dado que é necesario que sexa unha convocatoria elaborada e traballada por todos os actores que desexen participar (tal e como a continuación explicaremos), pero o obxectivo é que o 6 de maio sexa unha xornada de loita de toda a comunidade educativa en defensa do ensino público galego.

Proposta de calendario de asembleas abertas comarcais

Tal e como se falou na reunión, as persoas presentes entendíamos que estamos ante unha oportunidade única de que haxa mobilizacións masivas en máis de vinte puntos de toda Galicia, pero para isto temos que ser quen de chegar a todas as persoas posibles en cada comarca. Comezando polas ANPAS, o estudantado, o persoal docente e tamén o non docente de cada centro. Por isto, as Asembleas Abertas, CIG-Ensino e STEG trasladaron a intención de desenvolver un calendario de asembleas abertas comarcais para toda a comunidade educativa) por toda a xeografía galega. Estas asembleas serían espazos para conversar, escoitar e socializar as problemáticas desde as distintas perspectivas de cada colectivo, e sobre todo, para iniciar os contactos e o traballo cara as mobilizacións do 6 de maio.

A proposta dos lugares para as máis de 20 mobilizacións, coincide na maior parte cos puntos para a celebración desas asambleas comarcais desde as que construir e coordinar accións cara o 6 de maio. Serían 23 asembleas a celebrar nos mércores e xoves de abril: 8, 9, 15, 16, 22 e 23 de abril. Un total de 23 Asembleas en 23 lugares en 6 tardes! Un proxecto tan ambicioso como ilusionante!