Folga o 28 de abril e mobilizacións da comunidade educativa o 6 de maio

Convocatoria de accións unitarias e que aspiran a mobilizar ao profesorado e a toda a comunidade educativa.

Nos últimos meses, as Asembleas Abertas do Ensino Público comezaron unha rolda de contactos con todos os axentes da comunidade educativa, incluídos todos os sindicatos. Nesta liña, representantes das Asembleas manteron contactos ou reunións con representantes da maioría dos sindicatos. Deste xeito, a loita común para reverter a situación insostible que se vive nas aulas dos centros de ensino en Galicia continúa neste curso 2025/2026.

As Asembleas Abertas do Ensino Público e os sindicatos CIG-Ensino e STEG acordan unha convocatoria de folga para o martes 28 de abril e tamén a convocatoria dunha xuntanza o vindeiro martes 24 de marzo con colectivos de toda a comunidade educativa para traballar na organización e convocatoria de mobilizacións deslocalizadas para o mércores 6 de maio. Estas accións xorden do acordo de acción conxunta con vontade unitaria entre as Asembleas Abertas do Ensino Público e os sindicatos CIG-Ensino e STEG, que hoxe (luns 16 de marzo) foi presentado en rolda de prensa con representantes dos tres actores, ás 11:00 na Libraría Couceiro.

Respecto á folga do martes 28 de abril, esta convocatoria reafirma que este espazo continúa a traballar e avanzar no que se propuxo desde as primeiras asembleas. Ademais de facer un traballo de base nos centros, nas vilas e nas comarcas, como se puido ver nas mobilizacións do 25 de febreiro, estas reunións e acordos proban que o movemento asembleario de base pode axudar a mobilizar a todo o profesorado e aspirar a convocatorias masivas.

Estamos ante unhas datas históricas na loita polo ensino público. Esta folga en abril, aínda que é só dun día, aspira a non ser unha liturxia. Rompe co modelo que había ata agora, aspira a superar as diferenzas entre o profesorado e a ser convocada e traballada desde os propios centros. Unha convocatoria organizada por e para o profesorado.

Unha convocatoria con vocación unitaria que é o paso necesario para poder desenvolver accións máis contundentes.
Un cartel, unitario e sen siglas.

Xornada de loita de toda a comunidade educativa o 6 de maio

Neste acordo inclúese a proposta de mobilizacións deslocalizadas para dito día. A idea é que sexa organizada e convocada de xeito conxunto por todos os colectivos do ensino galego. Con este obxectivo vaise convocar unha xuntanza o 24 de marzo, á que estarán convidados todos os axentes representativos da comunidade educativa: sindicatos de profesorado, federacións e confederacións de ANPAS, sindicatos de estudantes e máis colectivos do ensino.

Todos os axentes da comunidade educativa están convidados a participar na preparación da xornada de loita do 6 de maio e na xuntanza de preparación do 24 de marzo.

Esta xornada de loita en maio, con mobilizacións en todas as vilas do país e con toda a comunidade educativa na rúa, ten que ser un día de festa e loita para o ensino público galego! Xa non haberá illas, xa non estarán desconectados os centros, será un día especial para toda a sociedade galega, para o ensino!

Pola unidade e a acción. Xuntas podemos conseguilo. Gañaremos o pulso á Consellería e poderemos falar do ensino público galego con orgullo, dignidade e dereitos!

Moito ánimo! Xa fixemos moito, e agora continúan semanas de moita ilusión e moito traballo!