Mobilizacións

6M – Mobilizacións de toda a comunidade educativa galega en loita polo ensino público galego

Despois das mobilizacións do 25 e 28 de febreiro, o mércores *6 de maio* pola tarde terán lugar *máis de 20 mobilizacións* en toda Galicia, onde toda a comunidade educativa encherá as rúas mostrando a *unidade e transversalidade* necesarias *para loitar polo ensino público* e mudar a realidade que se vive nas aulas dos centros educativos.

Convocan numerosos colectivos, como son a  federación de ANPAS A Gameliña, ANPAS da provincia de A Coruña, FANPO, FAVALMI, FOANPAS, outras federacións de ANPAs comarcais, as propias ANPAS dos centros, as Asembleas Abertas do Ensino Público, sindicatos de profesorado (CIG, CUT, STEG, Solidariedade Obreira e CNT) e estudantado (Fervenza, Sindicato de Estudantes e Erguer) e outros colectivos como AGOEP e NEG.

A continuación pódese consultar o mapa e listado de mobilizacións:

Ver en pantalla completa

Listado de Mobilizacións
  • A CORUÑA
    • A Coruña: ás 18:00 no parque de Catro Camiños detrás do Remanso
    • Carballo: ás 19:00 desde a praza de Galicia
    • Cee: ás 19:00 na praza 8 de marzo
    • Compostela: ás 19:00 desde a praza Roxa
    • Ferrol: ás 18:30 desde a praza Amada García (diante do edificio da Xunta)
    • Muros: ás 19:00 na Praza da Vila
    • Porto do Son: ás 19:00 no Secadoiro de Congrios
  • LUGO
    • Lugo: ás 19:00 desde a praza Horta do Seminario
    • Monforte: ás 19:00 desde praza de España (pendente de confirmación)
    • Ribadeo: ás 19:00 desde o parque Rafael Fernández Cardoso (EOI)
    • Viveiro: ás 19:00 desde a praza Maior de Viveiro
  • OURENSE
    • O Carballiño: ás 19:00 na praza do Concello
    • Ourense: ás 19:00 desde a rúa do Concello (diante da Delegación Territorial)
    • Verín: ás 19:00 desde o concello de Verín
  • PONTEVEDRA
    • A Estrada: ás 19:00 na praza do Mercado
    • Mos: ás 19:00 desde a explanada de Queen. Final conxunto con Porriño.
    • ⁠O Porriño: ás 19:00 desde a praza do Concello. Final conxunto con Mos.
    • O Morrazo: ás 19:00 desde a praza do Concello de Cangas
    • O Salnés (O Grove): ás 19:30 desde o plazo do Corgo (O Grove)
    • Ponteareas: ás 19:00 saída do IES Val do Tea
    • Pontevedra: ás 19:00, na Peregrina
    • Redondela: ás 19:00 na praza do Concello de Redondela
    • Val Miñor: ás 19:00 na capela de San Campio (Ramallosa)
    • Vigo: ás 19:00, Vía Norte con Urzaiz (Vialia)
    • Vila de Cruces: ás 19:00, saída do IES Marco do Camballón.

Folga 28 de abril: o profesorado demostrou que a unidade é o camiño.

Miles de persoas percorrimos as rúas de Compostela berrando por un ensino mellor e facendo visíbel a necesidade de camiñarmos todas xuntas da man nesta loita.

Próxima parada?

O 6 de maio: mobilizacións de toda a comunidade educativa en máis de vinte vilas e cidades da Galiza.

Porque loitando xuntas construímos o ensino público galego e seremos quen de mudar a realidade das aulas

Folga o 28 de abril e mobilizacións da comunidade educativa o 6 de maio

Folga o 28 de abril e mobilizacións da comunidade educativa o 6 de maio

Convocatoria de accións unitarias e que aspiran a mobilizar ao profesorado e a toda a comunidade educativa.

Nos últimos meses, as Asembleas Abertas do Ensino Público comezaron unha rolda de contactos con todos os axentes da comunidade educativa, incluídos todos os sindicatos. Nesta liña, representantes das Asembleas reuníronse coa representantes da maioría dos sindicatos que aínda non expresaran o seu apoio ó espazo. A loita común para reverter a situación insostible que se vive nas aulas dos centros de ensino en Galicia continúa neste curso 2025/2026.

As Asembleas Abertas do Ensino Público e os sindicatos CIG-Ensino e STEG acordan unha convocatoria de folga para o martes 28 de abril e tamén a convocatoria dunha xuntanza o vindeiro martes 24 de marzo con colectivos de toda a comunidade educativa para traballar na organización e convocatoria de mobilizacións deslocalizadas para o mércores 6 de maio. Estas accións xorden do acordo de acción conxunta con vontade unitaria entre as Asembleas Abertas do Ensino Público e os sindicatos CIG-Ensino e STEG, que hoxe (luns 16 de marzo) foi presentado en rolda de prensa con representantes dos tres actores, ás 11:00 na Libraría Couceiro.

Respecto á folga do martes 28 de abril, esta convocatoria reafirma que este espazo continúa a traballar e avanzar no que se propuxo desde as primeiras asembleas. Ademais de facer un traballo de base nos centros, nas vilas e nas comarcas, como se puido ver nas mobilizacións do 25 de febreiro, estas reunións e acordos proban que o movemento asembleario de base pode axudar a mobilizar a todo o profesorado e aspirar a convocatorias masivas.

Estamos ante unhas datas históricas na loita polo ensino público. Esta folga en abril, aínda que é só dun día, aspira a non ser unha liturxia. Rompe co modelo que había ata agora, aspira a superar as diferenzas entre o profesorado e a ser convocada e traballada desde os propios centros. Unha convocatoria organizada por e para o profesorado.

Unha convocatoria con vocación unitaria que é o paso necesario para poder desenvolver accións máis contundentes.
Un cartel, unitario e sen siglas.

Xornada de loita de toda a comunidade educativa o 6 de maio

Neste acordo inclúese a proposta de mobilizacións deslocalizadas para dito día. A idea é que sexa organizada e convocada de xeito conxunto por todos os colectivos do ensino galego. Con este obxectivo vaise convocar unha xuntanza o 24 de marzo, á que estarán convidados todos os axentes representativos da comunidade educativa: sindicatos de profesorado, federacións e confederacións de ANPAS, sindicatos de estudantes e máis colectivos do ensino.

Todos os axentes da comunidade educativa están convidados a participar na preparación da xornada de loita do 6 de maio e na xuntanza de preparación do 24 de marzo.

Esta xornada de loita en maio, con mobilizacións en todas as vilas do país e con toda a comunidade educativa na rúa, ten que ser un día de festa e loita para o ensino público galego! Xa non haberá illas, xa non estarán desconectados os centros, será un día especial para toda a sociedade galega, para o ensino!

Pola unidade e a acción. Xuntas podemos conseguilo. Gañaremos o pulso á Consellería e poderemos falar do ensino público galego con orgullo, dignidade e dereitos!

Moito ánimo! Xa fixemos moito, e agora continúan semanas de moita ilusión e moito traballo!

A comunidade educativa mobilizámonos o 25 de febreiro en defensa do ensino público

A comunidade educativa mobilizámonos o 25 de febreiro en defensa do ensino público

O vindeiro mércores 25 de febreiro, ás 19:30 horas, volvemos saír á rúa toda comunidade educativa. As Asembleas Abertas do Ensino Público, federacións de ANPAS e colectivos como ADICOPUVI, en Vigo, convocamos mobilizacións simultáneas en seis puntos do sur da provincia de Pontevedra para defender un ensino público digno, inclusivo e de calidade.

Esta convocatoria é unha mostra clara da unidade construída ao longo deste curso entre familias, profesorado e outros sectores implicados na educación, que xorde da preocupación compartida pola situación que viven os centros educativos galegos. As reivindicacións son claras e responden á realidade diaria das aulas, como deficiencias graves nas instalacións de moitos centros, falta de persoal e recursos, recortes que afectan directamente á atención á diversidade e á inclusión real do alumnado, ou unha sobrecarga crecente que recae tanto no profesorado como nas familias. O actual curso está sendo especialmente duro. A acumulación de problemas estruturais, xunto coa falta de respostas eficaces por parte da Administración, está a xerar unha situación insostible nos centros. Non se trata de demandas puntuais nin illadas: estamos ante unha problemática de fondo que require compromiso político e medidas concretas e inmediatas por parte da Consellería.

A situación é insostible para a comunidade educativa. “É necesario traballar da man e xuntas cara accións unitarias e masivas”, afirman. “Non aceptamos que se normalicen as carencias nin que se invisibilicen as dificultades que afectan ao día a día do ensino público. A educación é un dereito fundamental e un piar básico da nosa sociedade.”

Por iso, facemos un chamamento á participación activa de toda a sociedade civil. “Non está en xogo a situación dun centro concreto, senón o modelo educativo que queremos para Galicia. O 25 de febreiro, ás 19:30, saímos á rúa por un ensino público forte, inclusivo e con recursos suficientes. Toda a comunidade educativa unida nun obxectivo común, participando man a man, porque só coa mobilización colectiva lograremos os cambios que o noso alumnado merece.”

Puntos de saída das mobilizacións:
• Mos: saída de Sanguiñeda (diante da discoteca Queen).
• O Condado: saída do aparcadoiro dos IES Pedra da Auga e Val do Tea.
• O Morrazo: saída do Concello de Cangas.
• O Porriño: saída da Praza do Concello.
• Redondela: concentración na Praza Concello de Redondela (conxunta con Pazos de Borbén, Soutomaior e Vilaboa).
• Vigo: saída do Cruce de Vía Norte con Urzáiz.

Ver mapa en pantalla completa